Sunday 28 de April de 2024

A sala de exposicións de Brión acolle unha mostra do pintor Veiras Manteiga


‘Viaxe por Bretaña’ ofrece a súa particular visión do artista sobre esta zona nunha vintena de lenzos

A sala de exposicións do Concello de Brión acolle dende o pasado venres a mostra Viaxe por Bretaña, do polifacético artista José Luis Veiras Manteiga. Trátase dunha colección de máis de vinte lenzos nos que o pintor ofrece a súa particular visión sobre as paixases da Bretaña francesa, froito dunha viaxe que realizou a esta zona.
O alcalde de Brión, José Luis García, presidíu a inauguración desta mostra o pasado venres. Na súa intervención, o rexedor salientou que “estes cadros manteñen unha relación especial co autor”, xa que son o reflexo “dunha viaxe que fixo cos seus fillos”. Ao mesmo tempo, puxo de manifesto as similitudes entre as paisaxes da Bretaña francesa e de Galicia, nos que predominan “os verdes e os ocres”, unhas tonalidades que “nos son familiares… Parece que xa as viramos antes”, asegurou.
Aproveitando a inauguración desta exposición, García aproveitou para anunciar que os veciños “recibirán xunto coa revista Altamira un exemplar do libro Brión en fotos”, que amosa instantáneas antigas de lugares, veciños e costumes do municipio durante o século XX. Precisamente estas imaxes foron as protagonistas da anterior mostra exposta nesta sala brionesa.
Pola súa banda, a comisaria da exposición, Pilar Sampedro, gabou a implicación do Concello coa cultura, que ten cos seus Encontros coa Arte a súa principal aposta. “Son o sinal de identidade de Brión e algo realmente moi interesante”, afirmou.
Sampedro indicou que para esta mostra, “Veiras Manteiga escolle a Bretaña francesa, ese outro Finisterre, tan lonxe e tan preto de nós”. Ofrecénse nestes cadros, nos que o autor utiliza as técnicas de acrílico en lenzo e tintas papel, “as paisaxes” coas que o artista ofrece “unha representación da realidade vista con ollos propios”. Unha visión suxerinte e subxectiva na que non faltan as alusións ao megalitismo, un tema moi recurrente na obra deste polifacético artista que conduce aos visitantes ás orixes a través destas paisaxes.
Pechou o acto o propio Veiras Manteiga, quen agradeceu a oportunidade de desenvolver “a miña primeira exposición individual en Brión”, ao tempo que agradeceu que “este é un dos concellos que máis apoia á cultura e ás artes”, polo que tende a súa man para “apoialos e axudalos”. Para esta mostra, o artista aproveitou “a obra de 2013, e algo máis antiga, que formaba parte da exposición Cadernos de viaxe” e reflexo da súa estancia na Provenza e na Bretaña francesa cos seus fillos. As súas obras son “unha interpretación do que existe… As casas que se amosan son reais”, dixo, ao tempo que animou a todos os visitantes a gozar con esta nova mostra do artista de orixe noiés.
A mostra Viaxe por Bretaña permanecerá na sala de Exposicións de Brión ata o próximo 6 de marzo. A entrada é libre.